Wednesday 01 de May de 2024

O Concello da Pobra inaugura a escultura da Galiza Mártir no 11 de febreiro


A escultura da Galiza Mártir lucirá nos Xardíns de Valle-Inclán a partir do 11 de febreiro segundo avanza o concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), acompañado da súa homóloga dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG).

A inauguración desta peza elaborada por Manuel Teira está prevista para as 18.00 horas, nun acto que contará coas intervencións do alcalde, do propio edil e do artista. Haberá tamén actuación musical.

Materialízase así a escultura da que xa se presentara o bosquexo en agosto con motivo da programación do Mes da Galiza Mártir. Santos explica que se trata dunha “homenaxe a tódalas persoas represaliadas no noso concello durante a ditadura franquista e tamén se trata dunha homenaxe a todas aquelas persoas que loitaron pola democracia.” Puxo en valor, ademais, o feito de que A Pobra conta cunha área específica que traballa a prol da memoria histórica. Convídase, polo tanto, á veciñanza a asistir a unha xornada tan significativa.